Saturday 04 de May de 2024

Igualdade destina 188.000 euros ao fomento do asociacionismo e á participación das mulleres da comunidade galega


O DOG publica esta convocatoria de axudas, que buscan fortalecer e consolidar o movemento asociativo e potenciar a participación social das mulleres

O Diario Oficial de Galicia publica a convocatoria para o 2016 das axudas dirixidas ás asociacións de mulleres e as súas federacións, que este ano achegará un total de 188.000 euros.

A Xunta é consciente da importancia da suma de esforzos e do asociacionismo feminino en Galicia e por iso a finalidade desta iniciativa é fortalecer e consolidar o movemento asociativo e potenciar a participación social e a calidade de vida das mulleres galegas.

As axudas distribuiranse a través de dúas liñas: consolidación do movemento asociativo e promoción de actuacións e actividades singularizadas en materia de igualdade. Estas últimas relativas á sensibilización e concienciación social, información ou formación en materia de igualdade e de prevención da violencia de xénero, ou dirixidas a potenciar e facilitar a mellora da calidade de vida e a participación das mulleres en todos os ámbitos.

Poderán ser beneficiarias destas axudas as asociacións e federacións de mulleres, sen ánimo de lucro, que estean domiciliadas en Galicia e teñan coma fin promover a igualdade entre homes e mulleres, ademais da participación destas na vida política, económica, cultural e social; entre outros requisitos.

O prazo de presentación de solicitudes para participar nestas axudas abrirase mañá, venres, e finalizará o vindeiro 29 de agosto. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por medios electrónicos, a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta :https://sede.xunta.es.